Thursday 09 de May de 2024

Determinadas as vivendas gañadoras do concurso de embelecemento de balcóns e fachadas


No día de hoxe, martes 22, déronse a coñece-las vivendas gañadoras da primeira edición do Concurso de
Embelecemento de Balcóns e Fachadas, o cal se incorporou ao Nadal pobrense neste 2020. Do total de 35 fogares inscritos, con representación de todo o termo municipal, o xurado -composto por representantes do tecido asociativo local- decidiu que as distincións recaesen nunha vivenda da rúa Atalaia (parroquia de Santa María a Antiga do Caramiñal), noutra da rúa Cardenal Patiño (na parroquia de Santiago do Deán), nunha da Ribeiriña (na parroquia de Santo Isidro de Posmarcos), nunha vivenda do lugar das Romeiras (na parroquia de Santa Cruz de Lesón) e noutra de Bandaseca (parroquia de Santa María do Xobre). O premio consiste nunha cesta composta de produto local para contribuír á dinamización e posta en valor do comercio de proximidade.
Organizada pola Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), a pretensión desta convocatoria é incrementa-la ledicia e vistosidade das rúas. Cómpre lembrar que a decoración de tódolos fogares anotados deberá permanecer ata o día 6 de xaneiro, inclusive, tal e como se estipula nas bases.